7 de febrero de 2008

A 'herba' que cura

Raquel López. O caso de Juanma, o tetrapléxico ferrolán que cultivaba cannabis para aliviar a dor, reaviva o debate sobre a legalización do uso da marihuana con fins terapéuticos.
07.02.2008 | 08:00

AVE María en apoio de Juanma

Juanma Rodríguez Gantes, tetrapléxico ferrolán, leva máis de 17 anos nunha cadeira de rodas e na habitación do centro para discapacitados no que vive, na cidade departamental, posuía un cultivo de marihuana para aliviar as súas dores.

A dirección do centro prohibiullo e denunciouno. Esta semana, tras tomarlle declaración, un xuíz absolveuno. Agora, a súa loita continúa cunha campaña para conseguir a legalización da marihuana con fins terapéuticos.

AVE María

Conta co apoio, entre outros, da Asociación Viguesa de Estudios da María (AVE María) que defende o uso lúdico e terapéutico do cannabis. Xa están traballando para que a Juanma se lle administre agora o 'Sativex', un medicamento baseado no cannabis e en fase experimental, ao que xa teñen acceso pacientes de Cataluña.

“É preciso convencer aos médicos de Juanma, que son un pouco reacios, para que llo receiten. Queremos que chegue a Galiza, onde a investigación sobre este tema é cero”, explica Nando Reboreda, membro de AVE María.

Ademais, van solicitar formalmente ao Imserso en Madrid que lle autoricen volver a cultivar cannabis. Para elo xa contan co aval do xuíz. Tamén argumentan que o propio coidado das plantas funcionaba para o tetrapléxico coma unha terapia. “Un motivo para vivir”, engade Reboreda.

Manteiga de cannabis

Até AVE María achéganse pacientes procedentes do Servizo de Oncoloxía do Hospital Xeral de Vigo. Chaman interesados polo uso da marihuana como método para aliviar as molestias ligadas aos tratamentos de radioloxía e quimioterapia. “Nós informámoslles sobre como se pode consumir, normalmente falámoslles dun consumo oral con doses moi pequenas en forma de madalenas ou manteigas de cannabis”.

Os enfermos, de todas as idades, chegan normalmente dun mundo completamente diferente ao da cultura da marihuana. Non obstante, “rapidamente se integran porque ven que funciona, para os vómitos vai moi ben, supera aos medicamentos convencionais”.

Campaña de 'persecución'

As asociacións en defensa da legalización da marihuana son críticas coas autoridades pola 'persecución' que se está a facer das persoas que cultivan ou consumen cannabis. O ano pasado houbo en España 170.000 denuncias por posesión e consumo de drogas na vía pública. Segundo denuncia Reboreda, “o PSOE prometeu suavizar a represión, non obstante, incrementou incluso a campaña do PP”.

No hay comentarios: